top of page

Siste dag i OsloMet

O venres, 8 de abril foi o noso último día no curso de Avaliación Formativa na Universidade Metropolitana de Oslo, e rematamos cunha xornada ben intensa!

Entrada ao campus da OsloMet

A primeira sesión do día correu a cargo de Astrid Gillespie e centrouse na autoavaliación.

A piques de comezar a sesión con Astrid Gillespie

Astrid traballou como profesora en centros de educación secundaria noruegueses antes de comezar a súa carreira investigadora na OsloMet, polo que na súa presentación incluíu información moi interesante da autoavaliación no contexto noruegués. Por exemplo, a autoavaliación aparece recollida na lei de educación primaria e secundaria de Noruega, declarando que “o estudantado debe participar na avaliación do seu propio traballo e reflexionar sobre a súa aprendizaxe e o seu progreso académico”.

Astrid tamén compartiu resultados das súas investigacións con estudantes universitarios. Velaquí algunhas das opinións recollidas:

Quen non escoitou comentarios semellantes ao animar ao seu alumnado a autoavaliarse? Malia todo, ficamos cunha idea clave: o obxectivo é facer que o alumnado reflexione!

Despois contamos coa visita da profesora Kristin Reed, que falou da Avaliación Formativa nun contexto multilingüe.

Kristin Reed comezando a súa presentación

Kristin fíxonos reflexionar sobre o tratamento do erro na clase de idiomas, afirmando que moitos dos erros que percibimos nas nosas aulas (de pronuncia, léxico, etc.) son simplemente desviacións da norma, polo que deberíamos preguntármonos se o que queremos corrixir é realmente un erro ou se é simplemente unha preferencia persoal. Nunha clase multilingüe só consideraríamos erros aqueles que interfiren coa comunicación.

Algunhas de nós puidemos poñernos na pel do alumnado, xa que Kristin propuxo unha actividade en grupos na que dúas persoas terían o papel de alumnos, e outra de profesor.

Sempre se traballa mellor con doces! En Noruega, os boller son imprescindibles na hora do café.

Os nosos favoritos? Os kanelboller, sen dúbida!


A terceira sesión tratou o tema da observación sistemática como parte da AF. A profesora Androniki Kouvdou fixo un breve resumo sobre a súa investigación, incluíndo consellos para levar a cabo unha observación sistemática e recoller os datos de xeito eficiente para así poder dar un feedback máis personalizado ao noso alumnado.


A derradeira sesión centrouse na coavaliación. Logo dunha breve introdución sobre o enfoque teórico, puidemos ver os resultados de diferentes estudos de campo realizados pola profesora Eleni Meletiadou en escolas de secundaria de Grecia e Chipre. Os estudos indican que os resultados obtidos na coavaliación eran fiables, e que tanto os participantes avaliados coma os avaliadores melloraron as súas habilidades na práctica escrita. A maioría de participantes tamén consideraría unha boa idea que a coavaliación se incluíse de xeito sistemático nos programas educativos.


Despois chegou o momento de presentar os proxectos nos que traballamos o mércores. En lugar de facer presentacións separadas, a proposta foi facer mini-presentacións nunha actividade jigsaw (crebacabezas): cada un dos membros do grupo xuntouse con membros dos outros dous grupos, de xeito que todas participamos na presentación dos nosos traballos e tivemos tempo de debater e facer suxestións de mellora dos proxectos do resto de compañeiras.

Para rematar, Dina Tsagari, a coordinadora do seminario, fixo unha presentación sobre diferentes recursos que podemos atopar en liña para profundizar no estudo (e práctica!) da AF.


E velaí o noso último día na OsloMet, breve pero intenso!

Tusen takk, Dina og OsloMet. Ha det!

O grupo con Dina ás portas de Pilestredet 42, onde tivo lugar o curso

59 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
Publicar: Blog2_Post
bottom of page