top of page

Xoves, 7 de abril, cuarta xornada en OsloMet

Actualizado: 19 abr 2022

E chegamos ao cuarto día da nosa formación en avaliación formativa en OsloMet cargada de experiencias de aprendizaxe!


Comezamos a xornada coa presentación de Asma Maaoui e Hanen Dammak, da Universidade de Tunes, Tunisia, titulada A avaliación de linguas en tempos de pandemias: o que nos ensinou a Covid-19. As relatoras empregaron a cita “Non é a especie máis forte, nin a máis intelixente a que sobrevive, senón a que mellor se adapta ao cambio“ de C. Darwin para ilustrar a importancia da adaptabilidade na vida e tamén no ensino e fixéronnos reflexionar sobre a necesidade de sermos flexibles e adaptar os instrumentos de avaliación ao contexto, sen comprometer a fiabilidade desta.



Da man de Asli Lidice Gokturk Saglam, da Universidade de South-Eastern Norway, e de Ece Sevgi Sole, da Universidade de Milán, co seu relatorio Ferramentas en liña para a avaliación formativa, fixemos un repaso dunha serie de aplicacións e páxinas web que poden resultar de grande utilidade para a avaliación formativa: Padlet, Wordwall, Answergarden, Testmoz, Quizlet, Socrative, Mentimeter e Canva, entre outras. Asli resaltou a utilidade de ferramentas coma o Backchannel chat para fomentar a interacción co alumnado así como o emprego de xeradores de rúbricas como IRubric ou Rubistar.


Nesta imaxe podedes ver a Asli nun momento do seu relatorio


Despois de cada sesión tiñamos uns minutos para descansar, debater, compartir ideas e.... como non, cómpre mencionar os deliciosos bolos de canela que trouxo o noso compañeiro Manuel del Río! Tusen Takk!


O terceiro relatorio do día correu a cargo de Jenny Liontou, profesora da Universidade de Atenas, e centrouse no emprego de Ferramentas en liña e de Corpus para a práctica de avaliación formativa. A relatora explicounos as distintas funcionalidades da páxina https://www.english-corpora.org/, na que podemos procurar unha palabra e obter unha lista de contextos reais nos que aparece. Jenny forneceunos de exemplos de actividades (fichas de dominó, encher ocos, rodas de vocabulario…) para ver as aplicacións prácticas destes corpus lingüísticos. Alén disto, vimos tamén a utilidade de páxinas web como English Vocabulary Profile, Youglish, Playphrase.me que se poden empregar nas prácticas de avaliación formativa.


E para concluír, a cuarta e última sesión da xornada foi dirixida por Thomais Rousoulioti, da Universidade de Thessaloniki en Grecia. Neste caso a relatora falounos da Avaliación dinámica da expresión escrita. Trátase de concibir a avaliación como un proceso social dinámico, que se dirixe a mellorar a aprendizaxe, e non tanto a avaliar un produto final. Thomais tamén salientou cinco estratexias da "avaliación para a aprendizaxe": asegurarnos de que o alumnado saiba o que se espera del, empregar estratexias para realizar preguntas na aula, dar feedback, fomentar a auto-avaliación e a co-avaliación.



E velaquí unha pequena galería de imaxes para que vos fagades unha idea da beleza de Oslo:


54 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
Publicar: Blog2_Post
bottom of page