top of page

Mandag, den 4. april i Oslo!!

Hei alle sammen!



Xa en terras viquingas e aterrado todo o equipo compostelán en diferentes etapas, o luns día 4 pola mañá, comeza o programa de formación sobre 'Avaliación Formativa' deseñado por Oslomet para o noso grupo.


Dina Tsagari, a coordinadora do curso, dános a benvida á porta dos edificios do Campus de Pilestredet, no centro de Oslo e condúcenos á sala onde terán lugar a maioría das sesións do curso. Fai unha presentación breve e lémbranos o obxectivo xeral do curso, que se podería resumir en fornecer os docentes de linguas cun marco teórico para acadar unha alfabetización académica no tema (LAL - Language Assessment Literacy)


Trine Gedde-Dahl, da Facultade de Formación de Profesorado e Estudos Internacionais da propia Oslomet, é a primeira relatora da mañá e na súa presentación, dános unha visión xeral sobre o sistema educativo noruegués, o seu sistema de notas e de selección tomando en conta esas calificacións, e entre outras cousas, fala da fiabilidade dos exames finais, sobre a que non hai un consenso moi xeralizado, especialmente nalgunhas materias, como por exemplo, en lingua norueguesa


A segunda presentación do día corre a cargo de Henrik Bøhn, da Universitet Sørøst-Norge (U. do Sureste de Noruega), que dunha maneira moi didáctica, clara e amena, da unha visión xeral sobre a avaliación formativa con matices noruegueses, explicando como esta avaliación foi gañando peso na evolución do currículo nórdico. Revisa conceptos claves da bibliografía especializada coma a recollida de evidencias, as estratexias claves na avaliación formativa, ou os modelos de feedback.



Como terceira e última presentación do día, Michel Alexandre Cabot, da Høgskulen på Vestlandet (Universidade Occidental), fai unha exposición sobre feedback significativo na avaliación formativa, fala de diversas estratexias para proporcionar feedback e comenta cales son as máis efectivas segundo a investigación ao respecto.





As sesións do día chegan ao fin e outra anfitrioa, Therese, colaboradora e investigadora na Facultade, acompáñanos a comer e logo oriéntanos un pouco no centro da cidade e a facer unha pequena ruta pola cidade, que nos leva cara á ribeira do fiordo para ver a zona do porto deportivo de Aker Brygge e o barrio de Tjuvholmen á beira da auga. O resto da tarde fica libre para pasear, descansar, descubrir a cidade ou revisar a bibliografía e tarefas do curso.




På gjensyn!





50 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
Publicar: Blog2_Post
bottom of page