top of page

Como comunicar os obxectivos de aprendizaxe

“O alumnado necesita coñecer o seu obxectivo de aprendizaxe, a competencia específica que se espera que aprenda. Senón o“feedback” redúcese a alguén que lle di o que facer”

Susan Brookhart


Este mes de febreiro continuamos a nosa andaina do Programa de Formación do Profesorado sobre a Avaliación Formativa, unha das liñas de actuación do noso proxecto A+VALÍA. Concretamente a sesión do 2 febreiro dedicámola á comunicación dos obxectivos de aprendizaxe:

  • Por que deberiamos comunicar os obxectivos de aprendizaxe ao alumnado?

  • Cales son as características dun obxectivo ben formulado e comunicado?

  • Cales son algunhas estratexias e técnicas para comunicar os obxectivos?




Estes obxectivos retoman un dos piares da AF, é dicir, saber onde estamos, onde imos e como chegar alí.











Baixo a dirección de Carla Dechant, a través de debates e tamén xogos de tinte analóxico que serviron para dinamizar e encher de cor o debate, fomos analizando as cuestións dende a nosa experiencia práctica e completándoa coa literatura científica.






Por que deberiamos comunicar os obxectivos de aprendizaxe ao alumnado?

En función do nivel impartido, había diferenzas de opinión sobre a frecuencia de comunicación dos obxectivos. Por exemplo, nunha clase de básico un obxectivo se podería presentar e acadar no mesmo día, redundando na satisfacción e percepción do avance por parte do alumnado. En cambio, no nivel C a consecución dun obxectivo podería requerir varias sesións.


De todos os modos, todes concordamos en que merece a pena comunicalos para axudar o alumnado a saber onde está e onde se dirixe no seu proceso de aprendizaxe. Ademais, “a investigación suxire que o coñecemento dos obxectivos conducirá a melloras no rendemento do alumnado” (Robert Slavin), que é o obxectivo final de tanto profesorado como alumnado.

Cales son as características dun obxectivo ben formulado e comunicado?

  • Abondo amplios para poder abranguer a complexidade dunha clase pero tamén específicos para que o alumnado teña claro onde chegar.

  • Canto máis medibles e precisos, os obxectivos serán máis operativos.

  • Claros, é dicir, evitar metalinguaxe e xerga didáctica, apostando en cambio por unha linguaxe accesible.

  • Combinan os estándares educativos coas habilidades sociais, fundamentais para o manexo da lingua.

  • Convén repetilos oralmente e por escrito durante a clase. Desta maneira teremos máis presente onde queremos chegar coa lección.

Por certo, aquí están ordenados alfabeticamente, pero se tivésedes que ordenalos por prioridade, cal sería o voso top 3 de características?

Cales son algunhas estratexias e técnicas para comunicar os obxectivos?

Das 10 técnicas que vimos na sesión, velaquí 2 que compartiu Carla Dechant e que estamos desexando poñer en práctica cando as circunstancias sanitarias o permitan:

  • Crear un espazo específico na aula para publicar os obxectivos e crear momentos para visitalo.

  • Catro paredes: o alumnado desprázase dunha parede a outra respondendo estas catro preguntas (unha por parede):

1. Que quere dicir este obxectivo?

2. Ata que punto xa acadei este obxectivo?

3. Que teño que facer na aula para acadar este resultado?

4. Que teño que facer fóra da aula para acadar este resultado?





 
 
 

Comments


Publicar: Blog2_Post

©2021 Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela.

bottom of page