top of page

Autoavaliación… Buf! Por onde empezo?

“O profesorado non crea a aprendizaxe; só o alumnado a crea. O que o profesorado pode facer é crear oportunidades para que o alumnado aprenda”.

Dylan Wiliam



Baixo a dirección de Carla Dechant, na primeira parte da penúltima sesión retomamos un dos aspectos claves na AF: a formulación de preguntas.


Segundo Paul Black e Dylan Wiliam, "Formular preguntas é a forma natural e directa de comprobar a comprensión".


Polo tanto, propoñémosvos un pequeno xogo de preguntas e respostas a modo de repaso ou primeiro contacto.


Empezamos!


Que porcentaxe da clase dedicamos ás preguntas?

Segundo os estudos, o profesorado máis eficaz destina un 50% do tempo en clase ás preguntas. Esta estatística toma como referencia profesorado de diferentes materias e niveis de ensino.


Canto tempo damos ao alumnado para que inicie a dar a súa resposta?

De media adoitamos agardar tan só 3 segundos. Porén, deberiamos agardar como mínimo entre 7-10 segundos. Ademais, se a alumna/o en cuestión non responde abondo rápido, a miúdo relanzamos a pregunta a toda a clase e adoita acabar respondendo o mesmo alumnado. Isto non é positivo pois acabamos desconectándonos do nivel de comprensión real do grupo-clase.

Como están formuladas as preguntas máis eficientes?

  • Son abertas: cambiaremos Esta afirmación é verdadeira/falsa? por Por que esta afirmación é verdadeira/falsa?

  • Enfócanse no proceso: Que comprendestes até agora?

  • Enlázanse a outras intervencións para promover a atención e comprensión mutua no grupo-clase: Que engadirías ao que dixo Pepe?

  • Pedimos reformular a primeira resposta proporcionada en base ao feedback recibido: Say it again better (Volve dicilo mellor)

Que recursos empregamos para asignar as preguntas ao alumnado?

Para romper a monotonía podemos introducir xeradores dixitais de nomes. Contan con boa acollida entre o alumnado adulto e permiten:

  • xerar nomes para asignar a pregunta ao chou;

  • tirar unha moeda ou xirar unha frecha para asignar as persoas voceiras nos grupos.

Cales destes xeradores de nomes vos animades a probar?

Este pequeno exercicio de reflexión lévanos ao segundo tema tratado na sesión: a autoavaliación do alumnado.


Tivemos a oportunidade de coñecer as boas prácticas aplicadas polas profesoras Marta Portela e Laura Iglesias nas súas clases de inglés en Negreira e Sar, as que agradecemos xunto coa profesora Carla Dechant polas súas magníficas presentacións. Bravissime tutte e tre!



Autoavaliación. Checklists en Moodle


A profesora Marta Portela comenta que a práctica da autoavaliación se pode realizar en calquera momento. Cos seus grupos adoita propoñela na última sesión da unidade ou antes de empezar unha nova unidade. A modalidade que aplica é a realización de enquisas de autoavaliación na aula virtual.


Os items retoman os obxectivos específicos pero están reformulados nunha linguaxe menos técnica e máis próxima ao alumnado, aplicándose así un dos principios da AF.



Para marcar os descritores “Podo facer…” o alumnado engade un par de exemplos a modo de demostración da afirmación.


O alumnado de básico tende a participar máis na autoavaliación na aula virtual respecto ao alumnado de cursos superiores. De todos os modos, a listaxe pode empregarse tamén durante a clase presencial para estimular a reflexión e autoavaliación. A través da técnica Think-Pair-Share (Pensa - Traballa en parella - Comparte) pódese promover a coavaliación.



Reflexionando sobre a autoavaliación


A través da dinámica Pensa - Traballa en grupo - Comparte, a profesora Laura Iglesias convidounos a reflexionar sobre a importancia de fornecer o alumnado de oportunidades para a autoavaliación.


No caso do alumnado, a autoavaliación:

  • Fomenta a autonomía do alumnado e axúdao a autorregular a súa aprendizaxe.

  • Favorece a reflexión (que dificultades teño? que cómpre facer para superalas?).

  • Impulsa a aprendizaxe (por exemplo, repasamos contidos).


Cales destas estratexias aplicas na aula? Cales che gustaría introducir?



No caso do profesorado, se na enquisa de final de unidade incluímos preguntas como “Que actividade desta unidade atopaches máis útil?”, isto pode axudar a orientar a nosa práctica docente.


Ademais de engadir unha sección de autoavaliación/reflexión en cada unidade, a profesora Laura Iglesias indica que é recomendábel enviar tamén a enquisa por correo-e ao alumnado para que haxa máis participación. Trátase dun factor para ter en conta se queremos non só recibir maior feedback, senón sobre todo para facilitar a reflexión por parte do alumnado sobre a súa aprendizaxe:





Queredes saber máis sobre autoavaliación?


Visitade a guía rápida para a autoavaliación elaborada pola profesora Carla Dechant e compartide nos comentarios como aplicades a autoavaliación nas vosas clases!






 
 
 

コメント


Publicar: Blog2_Post

©2021 Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela.

bottom of page