top of page

Ano novo, novas aprendizaxes

“Os mellores profesores son os mellores aprendices”

Dr. Catlin Tucker


A volta das vacacións de nadal comezou con forza na EOI de Santiago. Este sábado tivemos o privilexio de contar con Víctor Alarcón, profesor da EOI de Badalona, para unha sesión de formación sobre a Avaliación Formativa.

A sesión comezou cunha reflexión persoal: con que metáfora nos identificamos como profesores: tendemos máis a profesor-cociñeiro ou a profesor-xuíz de MasterChef?

Diapositiva da presentación de Víctor Alarcón

Dedicamos un chisco de tempo a repasar os aspectos básicos da teoría da Avaliación Formativa, centrándonos nos 10 principios da avaliación para a aprendizaxe, recollidos polo Assessment Reform Group; pero de seguido pasamos á parte práctica, que constituíu o núcleo da xornada de formación.


Nesta fase analizamos e debatemos diferentes técnicas e instrumentos de avaliación formativa, en especial en tarefas de produción oral e escrita. Para isto, traballamos debatendo en pequenos grupos para logo compartir e comparar as nosas impresións co resto das participantes.

Un dos puntos clave da sesión foi o debate sobre o tratamento do erro. Víctor fixo un excelente traballo como mediador, presentando diversas posturas e argumentando a favor de cada unha delas.


Outro eixe da xornada baseouse no feedback. Logo de facer un repaso dos diferentes tipos de feedback, Víctor compartiu exemplos prácticos que el mesmo emprega nas súas clases, resaltando os aspectos polos cales esas actividades resultan especialmente útiles para o alumnado. Algúns profes xa as puxemos en práctica nas nosas aulas!


Por último, Víctor fixo unha breve introdución á Avaliación Formativa nas actividades de comprensión, que será o tema da próxima sesión do noso PFPP.


Poñendo en práctica as técnicas de AF, temos un taboleiro na aula virtual do proxecto A+Valía onde cada participante na xornada de formación deixou unhas notas completando o seguinte: Sorprendeume que… , descubrín que…, e gustaríame saber máis sobre…

Moitas grazas, Víctor, por compartires o teu tempo e os teus coñecementos connosco!

43 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
Publicar: Blog2_Post
bottom of page