9 billetes para Oslo, por favor
- María Cristina González Piñeiro
- 1 abr 2022
- 2 Min. de lectura
Este luns dá inicio a grande mobilidade colectiva do noso proxecto Erasmus+ Mellorando a aprendizaxe de idiomas a través da avaliación formativa
Nove profes da EOI de Santiago asistiremos a un curso sobre Avaliación Formativa (AF) organizado polo grupo de investigación sobre avaliación da Facultade de Educación e Estudos Internacionais da Universidade Metropolitana de Oslo (Oslomet).
Campus Pilestredet en Oslo (fonte: oslomet.no)
A mobilidade naceu grazas á colaboración da profesora Cristina Rodríguez, xefa do departamento de inglés en Vite e experta en avaliación, coa coordinadora Dina Tsagari, profesora de Pedagoxía do inglés como lingua estranxeira do Departamento de Formación do profesorado de Educación Primaria e Secundaria en Oslomet.
Coa cordinación de Isabel de la Cruz, vicedirectora e coordinadora do grupo de Proxectos Europeos do centro, preparouse a organización do curso, que conta cun programa feito á medida para ao perfil e necesidades do noso centro educativo.
Ademais, o feito de que o profesorado que asistirá ao curso é de diferentes idiomas e sedes da escola aumentará a repercusión do curso no proceso de ensino-aprendizaxe na escola.

O 22 de marzo tivo lugar a última reunión informativa previa á viaxe:
estámosvos moi ilusionados!
Como parte da preparación previa ao curso, alén das reunións informativas, levamos na nosa equipaxe a Oslo a experiencia tan enriquecedora do Plan de Formación Permanente de Profesorado dedicado á AF e coordinado pola profesora Carla Dechant. Animádesvos a visitar as entradas dedicadas ás sesións do PFPP neste mesmo blog?
Ademais, como deberes -si, aos profes tamén nos mandan deberes! - estudamos o manual sobre AF elaborado polo grupo de Oslomet, así como bibliografía de Paul Black, Dylan Wiliam e outros piares da AF.
Iso si, dános mágoa non ter aprendido noruegués antes da nosa estadía, pero compartimos convosco unha escolma de termos como achegamento lingüístico e sociocultural a Noruega.
Bunad

Este termo fai referencia á grande variedade de traxes tradicionais como os que os noruegueses adoitan poñerse o 17 de maio.
Si, lestes ben: o Syttende Mai festéxase o día da Constitución, unha das grandes celebracións do país. Á falta de traxe tradicional, cómpre vestirse de gala para acudir ao desfile. Ou polo menos iso aconsella o xornalista de viaxes Michael Blooth en The Almost Nearly Perfect People: The Truth About the Nordic Miracle (2014).
A nosa viaxe non cadra co Syttende Mai. That's a pity, Schade ou peccato! como se diría nos idiomas dos profes da mobilidade. De todos os modos, case mellor: así quédanos máis espazo na equipaxe para a roupa de abrigo!
Olje

O descubrimento no 1969 de reservas petrolíferas no seu territorio marítimo mudou o nivel de vida noruegués para sempre. Convértense nun dos países máis ricos do mundo, afastándose a velocidade de cruceiro das duras condicións retratadas na novela Fame polo polémico Nobel Knut Hamsun.
Friluftsliv

A explotación petrolífera non parece alterar a natureza, dunha beleza breathtaking, atemberaubend ou mozzafiato (seguimos coa clase de idiomas!).
En Doppler o escritor Erlend Loe describe de maneira esmendrellante este extremo amor pola vida ao aire libre dos noruegueses.
Brunost

Nin Ibsen, nin viquingos, nin salmón nin que rabo de peixe!
Neste vídeo de noruegués para principiantes a maioría dos habitantes de Oslo entrevistados escollen o brunost ou queixo marrón como quintaesencia norueguesa.
Parécevos mouthwatering, köstlich ou da leccarsi le dita?
Ildsjel

Dise dunha persoa inspiradora que contribúe de xeito activo e comprometido coa comunidade.
Xogando libremente co termo para aplicalo a un concepto, cremos que describe á perfección o pulo e crecemento que a implantación da Avaliación Formativa pode supoñer na nosa comunidade de ensino-aprendizaxe da que todos formamos parte.
Gústavos o significado desta palabra? Neste artigo sobre vocabulario noruegués atoparedes a definición compartida así como outras verbas desta fermosa lingua.
Non vos perdades as próximas entradas!
See you soon! Bis bald! A presto!

P.D. E o luns aprenderemos a dicilo en noruegués :)
Comentarios